O decreto de vivendas de uso turístico cumpre o seu primeiro ano en vigor coa regularización de máis de 5400 vivendas de uso turístico

O decreto de vivendas de uso turístico cumpre o seu primeiro ano en vigor coa regularización de máis de 5400 vivendas de uso turístico

O sector turístico considera que o decreto está a cumprir o seu obxectivo de introducir esta modalidade de aloxamento na oferta turística regulada

O decreto de vivendas de uso turístico cumpriu o seu primeiro ano en vigor, un período durante o que conseguiu a súa ratificación en tribunais e está a demostrar a súa eficiencia na progresiva introdución desta modalidade de aloxamento na oferta turística regulada. Un decreto que, a dicir tanto do sector como da Federación Española de Vivendas Turísticas, aplicou o sentido común introducindo criterios de calidade e fiscalidade necesarios para a ordenación desta oferta alojativa. Un decreto de fácil aplicación que se elaborou en diálogo cos diferentes axentes implicados, o que permitiu establecer unha norma lasa que está a permitir a incorporación dun gran número de vivendas que se atopaban nun limbo xurídico.

A normativa que regula esta nova tipoloxía de aloxamento, que representa unha tendencia a nivel global, permitiu neste tempo a ordenación de máis de 5.400 vivendas de uso turístico en todo o territorio da Comunidade. Na actualidade este tipo de vivendas supón o 16% de total das 163.000 prazas de aloxamento turístico coas que conta Galicia. Por provincias, a maior parte concéntrase en Pontevedra e A Coruña, mentres que en Lugo e Ourense teñen unha menor presenza. En canto á súa distribución por concellos, o maior parte de vivendas de uso turístico rexistradas atópanse en destinos costeiros ou urbanos como Sanxenxo, Santiago de Compostela, O Grove, Barreiros, Foz, A Coruña, Vigo, Poio, Cangas, Carnota, Fisterra e Bueu, entre outros.

Inspección e colaboración
Tras un primeiro ano destinado a regularizar a nova situación, este aloxamento incorpórase ao Plan de inspección turística de Galicia co fin de seguir avanzando na súa aplicación. Para levar a cabo este labor, o Goberno galego busca a colaboración dos concellos e do Goberno central, polas súas competencias neste campo, e das plataformas en liña de comercialización.

Fai falta lembrar que o aluguer vacacional conta en Galicia con tres tipos de aloxamento: apartamentos turísticos, vivendas turísticas e vivendas de uso turístico. As dúas primeiras estaban xa reguladas con anterioridade a este decreto. A principal novidade foi a ordenación das vivendas de uso turístico, aquelas cedidas as terceiras persoas, dunha forma reiterada e a cambio de contraprestación económica, para estancias de curta duración, amobladas e equipadas en condicións de inmediata dispoñibilidade, entre outras características.

Para poder comercializar, polo menos en dúas ocasións ao longo do ano, estas vivendas deben estar inscritas no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT), para o que se debe presentar unha declaración responsable.