O Clúster Turismo de Galicia reafirma o seu compromiso coa formación profesional na súa visita ao CIFP Carlos Oroza

O Clúster Turismo de Galicia reafirma o seu compromiso coa formación profesional na súa visita ao CIFP Carlos Oroza

  • A comitiva estivo encabezada polo presidente da Agrupación industrial, Cesáreo Pardal.

 

O Consello Executivo do Clúster Turismo de Galicia, encabezado polo seu presidente Cesáreo Pardal (Federación Galega de Turismo Rural, FEGATUR, e Asociación Profesional de Turismo Rural Campoemar) realizou a semana pasada unha visita ao Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza, en Pontevedra. Un encontro que reforza o compromiso do Clúster coa formación como piar estratéxico para o presente e o futuro do sector turístico galego.

 

A aposta pola capacitación, a retención e a captación de talento é unha liña prioritaria para a Clúster, en plena sintonía cos obxectivos marcados pola Estratexia de Turismo de Galicia 2030, que persegue un modelo turístico máis profesional, competitivo e inclusivo.

 

Acompañando ao presidente, participaron na visita o vicepresidente Jesús Picallo (Asociación Profesional de Empresarios do Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía, SOLPOR), o tesoureiro Alfonso Martínez Cacheda (Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo, CETS), o vogal José Francisco Real Castro (Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo, APEHL), así como membros da secretaría técnica do Clúster.

 

Durante a visita, os membros do Consello Executivo puideron coñecer de preto os programas formativos do centro e as súas instalacións, compartir impresións co profesorado e a directiva, reforzando o vínculo entre o sector turístico e o ámbito educativo.

 

O CIFP Carlos Oroza conta cunha ampla oferta formativa para preparar a futuros profesionais de hostalería, turismo e industrias alimentarias. Podes consultar o seu catálogo formativo a través da seguinte ligazón.