A viaxe do secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda a Brasil, rematou coa sinatura do protocolo de colaboración entre a Xunta de Galicia, o Clúster Turismo de Galicia e a Asociación de Empresarios Galegos de Río de Janeiro, para a promoción turística de Galicia nas principais cadeas hostaleiras da cidade con mais atractivo para os visitantes do Brasil. A sinatura do compromiso fíxose no marco dunha xuntanza de traballo desenvolvida entre Miranda e os empresarios e entidades asociativas do sector turístico, entre os que se contan moitos emprendedores galegos que realizan parte das súas actividades no país carioca como o propietario de la cadea hostaleira Windsor, José Oreiro; o presidente da Asociación de Empresarios Galegos en Río e director xeral da Organização Nacional da Indústria do Petróleo, Eloy Fernández; ou o vicepresidente da Asociación de Empresarios Galegos en Río, José Paredes; todos eles galegos. Ademais, tamén están presentes o conselleiro de Emprego e Seguridade Social da Embaixada de España, Pablo Figueroa; e mailo presidente da Associaçao Brasileira da Indústria de Hotéis – Río de Janeiro, Alfredo Lopes de Sousa Jr., cuxa presenza foi moi importante para estender a colaboración entre a Xunta de Galicia e os empresarios galegos asentados en Río a tódolos emprendedores do sector, tamén aos naturais do Brasil.
O protocolo tamén contempla facilitar o intercambio de estudantes e profesionais do sector turístico entre Galicia e Río de Xaneiro, en especial alumnos de ciclos formativos profesionais medio e superior, así como estudantes de ensinanza superior en turismo. Igualmente, estipúlase o impulso ao desenvolvemento de prácticas profesionais no sector empresarial turístico galego, a través do Clúster Turismo de Galicia.
Cómpre sinalar que o peso específico dos empresarios galegos no sector hostaleiro carioca é moi relevante, calculándose que máis de metade das camas dispoñibles para pernocta turística en Río e a súa contorna pertencen a cadeas de propiedade galega total ou parcialmente, razón polo cal é posible a realización, e previsible éxito, desta promoción.
Colectividade galega
Con esta xuntanza, Rodríguez Miranda finaliza esta nova viaxe ao Brasil, na que, ademais de achegarse á realidade e actualidade das comunidades galegas, levou a cabo diversos contactos institucionais coas autoridades locais, e tamén asinou outro acordo en materia asistencial, concretamente coa Asociación ‘Recreio dos Anciâos’, que celebraba o seu 75 aniversario.