O Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Carlos Oroza de Pontevedra acaba de abrir a inscrición para unha formación exclusiva en servizos de restaurante, dirixida de maneira específica aos traballadores das empresas asociadas ao Clúster Turismo de Galicia.
Trátase dun programa gratuíto, de 4 meses de duración e 450 horas en horario de tarde, que permitirá aos participantes obter un Certificado de Profesionalidade oficial da Xunta de Galicia (nivel 2), recoñecido en todo o territorio nacional. Ademais, este título facilita a posibilidade de continuar estudos en Formación Profesional e validar módulos dun Ciclo de Grao Medio en Servizos en Restauración.
O itinerario formativo está composto por cinco módulos: técnicas de comunicación, seguridade e hixiene na manipulación de alimentos, inglés profesional, servizos en restaurante e eventos especiais, e itinerario persoal para a empregabilidade. Con este plan, os profesionais do sector poderán reforzar as súas competencias, validar a súa experiencia previa e mellorar a súa empregabilidade.
O curso representa unha oportunidade única para traballadores en activo das empresas colaboradoras do Clúster, que poderán acceder a unha formación práctica e cualificada sen custo algún. As persoas interesadas poden obter máis información contactando directamente co centro no teléfono 886 159 545 ou a través do correo electrónico cifp.carlos.oroza@edu.xunta.gal