economía

A escola de negocios de Oleiros elaborou un estudo sobre o impacto que a crise sanitaria polo Covid-19 terá na nosa comunidade

O servizo de estudos da escola de negocios IFFE Business School realizou un estudo sobre o impacto que o coronavirus terá en Galicia, segundo o cal o PIB caerá ao redor dun 8%, o que supón practicamente un mes completo. En consecuencia, isto repercutirá na perda de postos de traballo de forma que o paro subirá desde o actual 11,70% ao 16%.

O informe elaborado polo centro situado en Oleiros recolle que o efecto económico será moi forte na nosa comunidade afectando sobre todo ao sector servizos, que representa o 64% do PIB de Galicia, e especialmente ao comercio, turismo, hostalaría e cultura, debido á imposibilidade de abrir este tipo de negocios e de realizar eventos tras a declaración do estado de alarma.

Entre os datos que recolle o estudo de IFFE destaca que o período de maior impacto en Galicia será no tres meses posteriores ao comezo da corentena, é dicir desde o pasado 15 de marzo até o próximo 15 de xuño. Nese tempo, tal e como vaticina o informe, producirase unha destrución do emprego de case un 15%, o que supón uns 160.200 postos de traballo, cun impacto anual equivalente a 53.400 parados.

Os sectores máis afectados
Así mesmo, a análise ditamina que as exportacións (fundamentalmente enerxía, automóbil, alimentación e téxtil, que supoñen un 36,5% do PIB galego, é dicir uns 23.363 millóns de euros anuais cunha media de 1.947 millóns de euros mensuais) veranse gravemente afectadas. Así, se no próximos tres meses a cifra xeral redúcese un terzo, tal e como vaticinan, pasariamos dos 1.947 millóns de euros a 1.284 millóns de euros mensuais. Isto suporía unha caída mensual de 662 millóns de euros, que se traduce nunha redución de 1.987 millóns de euros no PIB anual.

En menor medida sufrirán a crise sanitaria polo coronavirus a agricultura, a gandaría, a pesca, a construción e unha parte da industria, podendo mesmo algún destes sectores experimentar un crecemento.

En calquera caso, tal e como recolle o estudo de IFFE, os máis afectados serán os autónomos, “que masivamente integran o sector servizos, moitos deles sen ingresos e sen protección”, tal e como reza o informe.

Medidas para conter o impacto
Entre as conclusións finais da análise realizada pola escola de negocios destácase a necesidade de “apoiar a continuidade da actividade empresarial e o mantemento do emprego, en especial para pemes e autónomos e, finalmente, reforzar a protección aos traballadores, aos cidadáns e ás familias” para mitigar o impacto da crise polo Covid-19.

Ademais, desde IFFE indican que “os bancos e entidades financeiras, orixe da anterior crise, deben converterse de causa en solución. Os gobernos europeo, español e galego deberán procurar a imprescindible liquidez ao obxecto de parar a destrución do sistema produtivo”.

08 de Abril de 2020

Galicia perderá PIB, o desemprego subirá 5 puntos e destruiranse máis de 160 mil empregos como consecuencia do coronavirus, segundo IFFE

A escola de negocios de Oleiros elaborou un estudo sobre o impacto que a crise sanitaria polo Covid-19 terá na nosa comunidade O servizo de estudos […]