Ata o próximo 18 de abril, o Centro Superior de Hostalaría de Galicia (CSHG) acolle unha serie de sesións formativas dentro do programa “Do mar ao prato”, que organiza a Consellería do Mar. As sesións, de carácter aberto e gratuíto, inclúen unhas xornadas técnicas impartidas por persoal da Consellería e unha serie de showcookings a cargo de diferentes cociñeiros galegos como Héctor López, Flavio Morganti, Taky, Juan Crujeiras ou Emma Pinal e que están dirixidas a aqueles profesionais da cociña que queiran incrementar a súa formación sobre os produtos do mar da nosa Comunidade.
Crustáceos, conservas, moluscos, compra de produtos… as sesións inclúen sempre formación técnica e práctica da man destes profesionais dos fogóns. Tras as primeiras sesións, que se celebraron en febreiro e marzo, Do Mar ao Prato conclúe en abril con tres sesións, baixo os títulos “Os descoñecidos da ría”, “Do mar á mesa de forma saudable” e “A cociña saudable”.