Prescritores e operadores turísticos portugueses descobren a oferta golfística galega

ACTIVIDADES

Prescritores e operadores turísticos portugueses descobren a oferta golfística galega

Participan estes días nunha viaxe de familiarización promovida polo Clúster a través do proxecto Galicia Golf Saúde.

 

Un grupo de prescritores e operadores turísticos chegados desde Portugal participan estes días nunha viaxe de familiarización para coñecer a oferta golfística galega. A iniciativa enmárcase no proxecto Galicia Golf Saúde promovido pola Asociación Galicia Golf, a cadea Oca Hoteis e a empresa Viaxes Abramar e impulsado polo Clúster Turismo de Galicia. Galicia Golf Saúde ten a súa orixe no concurso de ideas convocado polo Clúster no ano 2018 para animar aos asociados a mellorar a comercialización e promoción do destino Galicia.

 

Os participantes nesta viaxe tiveron a oportunidade de coñecer as instalacións do campo de golf Ría de Vigo, o Balneario de Mondariz, o club Montealegre, o hotel  Iberik Augas Santas Balneario & Golf, o Hotel Oca Puerta del Camino e o Real Aero Club de Santiago e puideron gozar deste deporte en varios dos campos visitados e participar en talleres informativos, ademais de degustar a oferta gastronómica galega e gozar doutros atractivos como as paisaxes da Ribeira Sacra.

 

Entre as accións previstas para este ano a través de Galicia Golf Saúde figuran, ademais da viaxe de familiarización, a elaboración de paquetes turísticos que inclúen aloxamento (polo menos unha noite) e “green fee” gratuítos nos campos integrados no programa. O obxectivo desta estratexia é promocionar Galicia como un destino próximo e seguro para mercados como o centro e o norte de Portugal.

 

Máis información sobre o proxecto na web www.galiciagolfsalud.gal