Os hoteis e pensións galegos ingresaron 408,1 M€ no que vai de ano

  • Medran tanto os ingresos coma o volume de visitantes

 

O sector hoteleiro de Galicia continúa a encadear resultados históricos ao peche de outubro de 2025. Segundo os últimos datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE), entre xaneiro e outubro os hoteis e pensións galegos ingresaron 408,1 millóns de euros, un 5,2% máis que no mesmo período de 2024, o nivel máis alto rexistrado ata a data.

 

O comportamento do mes de outubro confirma esta tendencia. Os establecementos hoteleiros facturaron 41,7 millóns de euros (un incremento do 3,1% interanual), o que supón tamén o mellor dato da serie histórica para este mes. A demanda acompañou esta evolución: Galicia recibiu 510.686 viaxeiros, un 1,4% máis que en outubro do ano pasado, superando así o seu propio récord mensual.

 

  • Un outono impulsado pola demanda nacional e internacional

 

En conxunto, o sector hoteleiro contabilizou 887.897 pernoitas durante o mes, o segundo maior rexistro dun outubro en Galicia. O turismo nacional continúa a ser o principal motor, co arredor do 65% das noites, mentres que o mercado internacional mantén a súa tendencia ascendente e representa xa o 35% da demanda. Destaca especialmente o impulso dos Estados Unidos, cun aumento do 7,3% e 37.388 viaxeiros aloxados só neste mes.

 

A distribución provincial das pernoitas sitúa un mes máis á Coruña á cabeza, concentrando o 44% das noites hoteleiras de outubro. Séguena Pontevedra (35%), Lugo (15%) e Ourense (7%).

 

A falta de incorporar os datos doutros tipos de aloxamento (como turismo rural, cámpings, albergues…), os indicadores hoteleiros apuntan a que 2025 se encamiña a pechar como un dos mellores anos para o sector turístico galego.