Tres dos entroidos máis emblemáticos do oriente ourensán foron recoñecidos como Festa de Interese Turístico Nacional, un fito que pon en valor o seu arraigamento ancestral e o seu papel como símbolo de identidade cultural en Galicia. A Secretaría de Estado de Turismo concedeu de forma conxunta esta distinción aos Entroidos de Vilariño de Conso, Viana do Bolo e Manzaneda, destacando a singularidade dos seus personaxes tradicionais como o boteiro, as mázcaras ou os folións, elementos clave dunha celebración que soubo conservar a súa esencia ao longo dos séculos.
Estes tres municipios da montaña ourensá comparten non só una mesma herdanza cultural, senón tamén unha firme vontade de colaboración, que permitiu impulsar de forma conxunta unha candidatura sólida. O recoñecemento supón un paso importante para a súa promoción a nivel nacional e internacional, reforzando ademais a súa protección como manifestación cultural viva.
Os Entroidos do oriente ourensán súmanse así a un selecto grupo de celebracións galegas con este selo distintivo. Na provincia de Ourense, ata o de agora só Verín ostentaba esta declaración, mentres que Xinzo de Limia conta coa distinción de Festa de Interese Turístico Internacional. Con esta nova incorporación, a provincia reforza a súa posición como un dos grandes referentes do entroido tradicional en España.
Este novo recoñecemento tamén reforza iniciativas como o festival ViBoMask, que xa viña traballando por visibilizar o valor das mascaradas tradicionais dentro e fóra de Galicia. Agora, con esta declaración, os Entroidos de Vilariño, Viana e Manzaneda entran por dereito propio no mapa das celebracións máis valiosas do país.