Co obxectivo de readaptar os programas e medidas postas en marcha por parte da Consellería de Cultura e Turismo para o sector do turismo ante o escenario post covid 19, a Xunta anunciou a súa intención de adoptar fórmulas máis flexibles para axilizar as subvencións e axustar os requisitos e condicións á situación actual. Así pois, reformularanse as achegas para a contratación de persoal nas oficinas de turismo durante o verán, para as festas de interese turístico e para a mellora de infraestruturas turísticas ou geodestinos.
Trátase dunhas axudas que a Xunta viña convocando anualmente a través de ordes e que pasarán a realizarse a través de convenios individuais para axilizar a súa tramitación, pactar os obxectivos de cada liña adaptándoas a cada caso particular e para evitar que queden partidas sen executar. O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle a resolución a estes efectos, o que permitirá substituír a ferramenta administrativa para que se poidan aplicar as novas partidas orzamentarias o que, en ningún caso, suporá unha supresión das axudas.
Esta medida, que xa foi comunicada por parte do Goberno galego á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), responde á necesidade de adecuar a tramitación destas subvencións ao escenario da crise sanitaria, mantendo as achegas de anos anteriores pero modificando as fórmulas de contratación e o obxecto das mesmas para adecualas á situación dos beneficiarios.