Dous millóns de euros para o embelecemento e a sustentabilidade do sector turístico do litoral

Dous millóns de euros para o embelecemento e a sustentabilidade do sector turístico do litoral

As subvencións, dirixidas a aloxamentos e restaurantes, enmárcanse nas actuacións para mellorar as zonas costeiras e aumentar a sustentabilidade.

 

Os establecementos do sector turístico e hostaleiro situados nos municipios do litoral galego poderán optar a dúas liñas de axudas habilitadas pola Xunta no marco das actuacións impulsadas polo Goberno galego para embelecer as zonas costeiras e fomentar o turismo sostible e que inclúen tamén unha partida de 4,4 millóns para actuacións levadas a cabo directamente polos concellos.

 

No caso do sector turístico, as axudas aprobadas na reunión do Consello da Xunta do pasado xoves 15, suman un importe total de 2,1 millóns de euros. Algo máis da metade desa cantidade, 1.125.000 euros, irá destinada a actuacións no ámbito das tecnoloxías ambientais, e os 950.000 euros restantes, a melloras da fachada turística litoral.

 

As axudas están destinadas a aloxamentos (hoteis, cámpings, turismo rural, apartamentos turísticos e albergues) e a restaurantes, cafeterías e bares situados en municipios costeiros e que figuren no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta. A convocatoria será publicada nos próximos días no Diario Oficial de Galicia e os aspirantes dispoñerá dun mes de prazo para presentar as súas solicitudes.