‘La Vuelta’ reforza o seu vínculo con Galicia con tres etapas e saíndo por primeira vez desde O Barco de Valdeorras

‘La Vuelta’ reforza o seu vínculo con Galicia con tres etapas e saíndo por primeira vez desde O Barco de Valdeorras

  • Galicia acollerá tres das vinte e unha etapas da competición deportiva

 

Galicia volverá formar parte do percorrido de ‘La Vuelta’ na súa edición de 2025 con tres etapas que reforzarán o vínculo entre deporte e promoción turística. A comunidade acollerá o paso da emblemática proba ciclista entre o 7 e o 10 de setembro.

 

Un dos momentos destacados será a saída, por primeira vez, desde O Barco de Valdeorras, na provincia de Ourense. Desde alí arrincará a etapa 17, que levará ao pelotón ata o Alto do Morredero, en Ponferrada. Esta etapa supoñerá o peche do paso de ‘La Vuelta’ por Galicia, reforzando a proxección desta zona como destino turístico e deportivo.

 

Previamente, a competición cruzará o territorio galego con outras dúas etapas: o 7 de setembro, coa entrada desde Asturias ata Monforte de Lemos, e o 9, cun trazado entre Poio e Mos, finalizando no Castro de Herville. Tres etapas que non só percorren distintas paisaxes de Galicia, senón que tamén conectan con propostas como o turismo de natureza, o cicloturismo ou o enogastronómico.

 

‘La Vuelta’, unha competición que promociona o destino Galicia a través da pantalla

 

Durante a presentación oficial o pasado 23 de xullo, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, subliñou o valor estratéxico dos eventos deportivos como ferramenta de promoción. Lembrou ademais que ‘La Vuelta’ conta cun impacto mediático global, con máis de 17 millóns de espectadores por televisión, 23 millóns de visitas na súa web oficial e presenza en máis de 180 países.