A rendibilidade do sector hoteleiro galego alcanzou as mellores cifras da súa serie histórica durante o verán de 2025, segundo os datos publicados por Turismo de Galicia no seu balance de tempada. Os establecementos da comunidade rexistraron uns ingresos medios de 91,7 euros por habitación ocupada e 59,8 euros por cuarto dispoñible (RevPar), o que supón un incremento do 47 % respecto a 2019 e máis dun 5 % fronte ao pasado ano.
Este crecemento consolida a boa evolución do turismo galego, que mantén unha ocupación estable e unha maior rendibilidade por habitación, impulsada tanto pola mellora da xestión e modernización da oferta como pola adaptación progresiva dos prezos ao contexto económico actual.
Turismo de Galicia estima que o conxunto dos hoteis galegos xerou este verán máis de 148 millóns de euros en ingresos, o que supón un aumento do 6,6 % en termos nominais e do 4,1 % en termos reais, unha vez descontado o efecto da inflación.
A estabilidade na demanda, combinada co aumento moderado das tarifas medias, permitiu mellorar a rendibilidade sen grandes variacións na ocupación, que apenas se incrementou un 0,7 %. Este comportamento reflicte un modelo turístico máis equilibrado, menos dependente das puntas estacionais e cun maior valor engadido por estancia.