A Illa de Tambo converterase en referente turístico, sostible e cultural

  • Tras permanecer pechada ao turismo polo seu pasado carácter militar, o enclave insular da ría de Pontevedra fomentará o turismo sostible da comarca

 

A Illa de Tambo converterase en referente turístico, sostible e cultural. Así o deixou claro o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, na súa visita ao illote da ría de Pontevedra, acompañado polo conselleiro de Cultura, Educación, Formación e Universidades; o alcalde de Poio, Ángel Moldes; e o arquitecto Sergio Portela, coordinador do Plan de Usos da illa e impulsor do proxecto ‘Tambo, a illa soñada, a illa posible’.

 

Durante a visita o presidente da Xunta afirmou que a illa “é unha das moitas marabillas que temos en Galicia, e polo tanto temos a obriga de conservala”, sublimando o valor patrimonial e natural deste espazo e apostando pola súa dinamización como destino turístico e cultural desde a perspectiva da sustentabilidade.

 

Esta illa, con séculos de historia, pertence ao Concello de Poio, ten unha superficie total de 28 hectáreas e alcanza os 91 metros de altitude. Trátase dun espazo que aínda é descoñecido para unha ampla porcentaxe da poboación da comarca e que, tras permanecer pechado ao turismo polo seu pasado carácter militar, foi cedido ao Concello no 2022.

 

Co obxectivo da súa reconversión turística sostible, a Xunta de Galicia avanzou a súa dispoñibilidade para colaborar na adecuación do castro da illa e na catalogación dos bens patrimoniais desta zona. Do mesmo xeito, tamén se comprometeu a tramitar a declaración do territorio como Espazo Natural de Interese Local (ENIL).

 

Agora xa se realizan diversas visitas guiadas ao enclave insular, mais para acceder é necesario solicitar un acceso autorizado a través da páxina de turismo do Concello de Poio. A duración da visita oscila entre as dúas horas e media e as tres horas, cunha extensión de 2 quilómetros. Para a súa visita, ademais da autorización de acceso, debe contarse cun billete das navieiras que realizan as viaxes organizadas desde o Porto de Combarro.