O vindeiro mércores, 27 de setembro, celébrase o Día Mundial do Turismo baixo o lema ‘Turismo e Investimentos Verdes’. No marco desta celebración, no que a Organización Mundial do Turismo (OMT) convida a unirse investindo nas persoas, no planeta e na prosperidade, terán lugar diversas iniciativas e actividades na comunidade internacional.
No marco desta conmemoración, a Axencia Turismo de Galicia celebrará este Día Mundial do Turismo cunha xornada na que presentará o estado actual e futuro da Rede Eurovelo en Galicia, un programa enmarcado na estratexia de desenvolvemento sostible da comunidade galega.
A Rede Eurovelo é unha rede de rutas ciclistas de longa distancia que conectan o continente europeo. Trátase dun proxecto da Federación Europea de Ciclistas (ECF) que xa impulsou a apertura de 17 rutas de longa distancia que unen a 42 países europeos ao longo de máis de 90.000 quilómetros de percorridos.
No evento participará o director da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, e estará presente o secretario do Clúster Turismo de Galicia, César Sánchez-Ballesteros. Este terá lugar o mércores, 27 de setembro, ás 11:00 horas, no miradoiro As Loucenzas do Concello da Guarda. Ao remate do evento realizarase un tramo da ruta Eurovelo EV1, coñecida coma a ruta da costa atlántica, en bicicleta eléctrica.