O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, presentou a semana pasada en Madrid a nova campaña de promoción turística “E se a Calidade fose un lugar?”, unha acción que pretende reforzar a imaxe de Galicia como destino de referencia pola súa autenticidade, sustentabilidade e calidade. A iniciativa pon en valor a marca Galicia Calidade non só como un selo de garantía, senón como un verdadeiro aceno de identidade colectiva que reflicte a forma galega de entender a vida, o traballo e a hospitalidade.
Durante a presentación, Rueda subliñou que a calidade “non é unha etiqueta nin un estándar, senón unha maneira de ser e de facer” presente en tódolos ámbitos: desde a gastronomía e o patrimonio natural ata a cultura, a artesanía ou o turismo rural. Con esta nova campaña, a Xunta busca trasladar ao público nacional a idea de que Galicia non é só un destino ao que se viaxa, senón unha experiencia que se vive durante todo o ano.
No acto tamén interveu o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles. Así mesmo, a presentación contou coa asistencia, en representación do Clúster Turismo de Galicia, do seu vicepresidente Jesús Picallo Santos, o tesoureiro Alfonso Martínez e o expresidente Francisco González.
Con esta nova campaña, a Xunta busca alcanzar ao 84% da poboación española a través dunha estratexia multiplataforma que inclúe televisión, medios dixitais e accións de comunicación orientadas a poñer en valor o mellor de Galicia: a súa calidade, a súa autenticidade e a súa forma única de recibir ao visitante.