Galicia Fórum Gastronómico celebra a súa décima edición cunha cita de alto nivel na Coruña

Galicia Fórum Gastronómico celebra a súa décima edición cunha cita de alto nivel na Coruña

  • Celebrarase do 23 ao 25 de marzo en ExpoCoruña.

 

O Galicia Fórum Gastronómico cumpre unha década e celebrarao ao grande do 23 ao 25 de marzo en EXPOCoruña. A feira, que transcendeu o ámbito galego para converterse nun evento de referencia en España, reunirá a figuras clave da gastronomía nacional e internacional.

 

O programa estará cargado de demostracións en vivo, charlas e degustacións, coa participación de xefes de cociña como Javier Olleros, Pepe Solla, Lucía Freitas, Joan Roca e Elena Arzak, ademais de invitados internacionais como Kanji Kobayashi, Marsia Taha e Rita Magro.

 

O evento contará con tres grandes áreas: O Taller, con cociña en vivo de expertos; O Ágora, onde os expositores presentarán as súas innovacións; e as aulas monográficas, que ofrecerán un escaparate de tendencias e produtos de máis de 200 marcas.

 

Este ano, ademais, a gastronomía líquida gaña protagonismo con propostas como o Wine Circus e a súa Batalla de Catadoras, o Cocktail Bar Fórum e o Craft Beer Market. A gran novidade será o Coffee Forum, dedicado aos cafés de especialidade.

 

Para Lucía Freitas, estrela Michelín e habitual do evento, o Fórum é máis que unha feira: “É un espazo que visibiliza talento e permite a moitos cociñeiros amosar a súa esencia”.

 

Unha cita imprescindible para amantes da gastronomía, que volverá situar á Coruña no epicentro culinario. O rexistro profesional está dispoñible cunha bonificación ao 50% ata o 28 de febreiro.