Finalizan as dúas xornadas de traballo de Galicia e o Norte de Portugal para debater sobre un destino turístico conxunto

Finalizan as dúas xornadas de traballo de Galicia e o Norte de Portugal para debater sobre un destino turístico conxunto

  • O Clúster Turismo de Galicia organizou para a Eurorrexión, AECT, as mesas de traballo con máis de 90 empresarios galegos e portugueses do sector, que se celebraron en Galicia e no Norte de Portugal.
  • Esta acción desenvólvese no marco do proxecto ClusterTur_GNP cofinanciado pola Unión Europea a través do programa INTERREG 21-27.

 

A Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, AECT, finalizou 2 xornadas de traballo, realizadas en Portugal e Galicia, no marco do proxecto ClusterTur_GNP, coa colaboración de Turismo do Porto e Norte de Portugal, ATP e Turismo de Galicia, e coa asistencia técnica do Clúster de Turismo de Galicia.

 

Durante estas sesións, os principais actores da Eurorrexión centráronse nun obxectivo común: fortalecer a cooperación transfronteiriza no ámbito turístico e especialmente entre os empresarios do mesmo e debater sobre a súa vontade de creación dun destino a escala promovéndose de maneira conxunta.

 

Este encontro tiña como obxectivo facilitar o intercambio de ideas e a creación de sinerxías entre os participantes, cun enfoque dinámico e participativo na elaboración de estratexias turísticas conxuntas para o territorio. Estas mesas de traballo forman parte do proceso de diagnóstico do turismo transfronteirizo, un paso clave para definir a estratexia do Clúster Transfronteirizo de Turismo Galicia-Norte de Portugal.

 

Os preto de 90 empresarios de Galicia e do Norte de Portugal, presentes nestas xornadas de traballo, enriqueceron a idea coas súas achegas e non tiveron dúbidas en apoiar esta idea de futuro e mesmo propuxeron a idoneidade dunha entidade de xestión do destino, pero sinalando tamén propostas necesarias como unha mellor e maior conectividade, con incidencia na alta velocidade e manifestaron unha gran vontade de crear un destino de escala máis ambicioso e con maior notoriedade internacional.

 

ClusterTur_GNP, cofinanciado pola Unión Europea a través do programa INTERREG 21-27, ten como obxectivo consolidar a Eurorrexión como un destino turístico de referencia, aproveitando a súa rica diversidade cultural, paisaxística e gastronómica, unindo dous destinos consolidados e aproveitando sinerxías para un destino a escala maior.