O Pazo de Lourizán xa é BIC

O Consello da Xunta aprobou esta semana o decreto que declara Ben de Interese Cultural (BIC), na categoría de monumento, ao emblemático Pazo de Lourizán, situado no concello de Pontevedra. Trátase dun paso importante na posta en valor deste conxunto arquitectónico e paisaxístico único en Galicia, cuxa rehabilitación integral está a ser impulsada pola Xunta cun investimento que supera os 17,3 millóns de euros.

A declaración como BIC inclúe tanto o edificio principal, deseñado a comezos do século XX por Jenaro de la Fuente Domínguez, como o seu valioso entorno natural: xardíns, fontes, estanques, invernadoiro, muíño e a histórica arboreda, considerada unha das máis destacadas de Europa. O recoñecemento pon en valor a súa relevancia histórica, artística e científica, así como o seu papel como espazo de formación no ámbito forestal e símbolo da historia institucional galega.

O expediente, que contou cos informes favorables do Consello da Cultura Galega, da Real Academia Galega de Belas Artes e da ETS de Arquitectura da Universidade da Coruña, contempla un nivel de protección integral para o conxunto. Este grao de protección garante a súa conservación e regula as intervencións futuras segundo os criterios da Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia.

A Xunta reiterou o seu compromiso coa recuperación do Pazo de Lourizán como espazo aberto á cidadanía, cun proxecto de restauración que comezará este mesmo ano e que se prevé finalizar entre 2026 e 2027. Esta intervención non só preservará un dos referentes do patrimonio galego, senón que tamén permitirá a súa reutilización como lugar de encontro, cultura e divulgación.

Con esta nova declaración, Galicia suma xa 785 bens protexidos como BIC, consolidando o seu liderado na conservación e promoción do patrimonio cultural no conxunto do Estado.