O Goberno central asigna 2.5 M€ para a formación en competencias dixitais de preto de 900 profesionais do turismo en Galicia

O Goberno central asigna 2.5 M€ para a formación en competencias dixitais de preto de 900 profesionais do turismo en Galicia

  • O programa posibilitará o desenvolvemento dun plan de formación en competencias dixitais destinado a pemes turísticas galegas e ás persoas profesionais que traballan nelas.
  • Ademais disto, tamén se destina outro medio millón para financiar accións de sostibilidade social turística.

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, informou o pasado xoves, 21 de marzo, dun novo programa do Goberno central a través do cal se impulsará a formación en competencias dixitais de preto de 900 profesionais do turismo en Galicia. O Boletín Oficial do Estado (BOE) xa publicou a resolución da Secretaría de Estado de Turismo, materializando o acordo aprobado na última reunión da Conferencia Sectorial de Turismo.

 

Trátase dunha iniciativa que deberá executar a Xunta de Galicia con fondos transferidos polo Ministerio de Industria e Turismo, e que conta cun presuposto de ata 2,5 M€. Grazas a esta acción, preto de 900 persoas que traballan en pemes do sector turístico de Galicia poderán beneficiarse dun programa formativo con ata 150 horas de formación.

 

Pedro Blanco tamén explicou que dito programa deberá estar concluído antes de que remate o segundo trimestre de 2026. Ademais, a iniciativa poderá estenderse á mocidade que desexe formarse neste tipo de competencias co fin de acceder ao mercado laboral turístico.

 

Sostibilidade social

 

O BOE  publicou a repartición doutra partida de fondos, neste caso para a liña de Plans de Sostibilidade Social do Turismo. No caso concreto, a Galicia correspóndelle preto de medio millón de euros (462.986€), para financiar accións de comunicación e sensibilización.

 

Os beneficiarios desta liña de financiamento son as comunidades autónomas, mais os destinatarios finais son as asociacións, pemes e traballadores do sector.