O Clúster Turismo de Galicia apoia a iniciativa Carné +65 para mellorar a calidade de vida dos maiores

O Clúster Turismo de Galicia apoia a iniciativa Carné +65 para mellorar a calidade de vida dos maiores

  • O programa conta xa con 700 establecementos adheridos, e as solicitudes para unirse permanecen abertas.

 

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, xunto á conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, presentou o pasado 28 de marzo o Carné +65, unha iniciativa que ofrece aos maiores de 65 anos descontos e beneficios exclusivos nunha ampla rede de establecementos.

 

No acto tamén participaron o presidente e vicepresidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal e Jesús Picallo Santos, quen destacou a importancia desta proposta para o sector turístico galego. Acompañando aos representantes do Clúster, tamén asistiron ao evento o tesoureiro Alfonso Martínez, o expresidente Francisco González e a vogal Mar Rodríguez Meseguer.

 

Durante a súa intervención, Cesáreo Pardal resaltou o papel clave do turismo no benestar dos maiores, sinalando que o Carné +65 “non é só unha ferramenta práctica, senón unha forma de recoñecemento a quen dedicou a súa vida para construír as nosas comunidades”. Así mesmo, animou aos negocios do sector para unirse ao programa, destacando que a súa adhesión contribúe tanto ao desenvolvemento económico como ao impacto social.

 

Un carné con impacto na sociedade e o turismo

 

O Carné +65 xa foi enviado a máis de 600.000 persoas e pode utilizarse en 700 establecementos de toda Galicia, unha cifra que a Xunta espera ampliar ata 1.000 ao longo do ano. Este programa busca facilitar o acceso dos maiores a servizos culturais, de lecer e benestar, así como combater a soidade non desexada e eliminar estereotipos asociados á idade.

 

Pola súa banda, o sector turístico galego apoia a iniciativa como unha oportunidade para reforzar o enfoque inclusivo e accesible de Galicia como destino. “Cada establecemento que se suma a este programa está a contribuír non só ao crecemento do sector, senón tamén á inclusión e ao benestar dos nosos maiores”, sinalou Pardal.