O presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, participou a semana pasada na apertura da xornada “Eficiencia e Xeotermia no Sector Turístico”, organizada pola Asociación Clúster da Xeotermia Galega (Acluxega) en colaboración co CTG.
A cita, celebrada no Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia en Santiago de Compostela, reuniu a profesionais do turismo, a enerxía e a administración pública para analizar o papel da xeotermia e a eficiencia enerxética na transición cara a un modelo turístico máis sostible e competitivo.
Na benvida institucional interviñeron tamén o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; o vogal da delegación do ICOIIG Santiago, José Manuel Lamela; e o presidente de Acluxega, Manuel López Portela.
Durante a xornada presentáronse diferentes liñas de axudas orientadas ao sector turístico para mellorar a eficiencia enerxética dos establecementos. Na seguinte ligazón podes consultar a presentación compartida durante a celebración da xornada.
Entre os casos de éxito expostos figuraron o Hotel IMI (Ourense), os Apartamentos Pincheiro (A Pobra do Caramiñal) e a Casa Rural Gandarela e o Albergue Ferramenteiro (Portomarín), exemplos que mostran como a implementación de solucións xeotérmicas pode mellorar o confort, reducir consumos e reforzar a sostibilidade dos aloxamentos turísticos galegos.