Co obxectivo de fomentar o perfeccionamento profesional dos novos titulados nas áreas turísticas, a Axencia de Turismo de Galicia ven de convocar nove bolsas de formación cunha duración e retribución variable.
As bolsas de formación permitirán aos titulados acceder a prácticas tuteladas en diversas áreas de Turismo de Galicia co obxectivo de fomentar o perfeccionamento profesional dos bolseiros co fin de actualizar e mellorar os seus coñecementos e habilidades en materias vencelladas co turismo.
As bolsas estarán distribuídas da seguinte forma: sete están destinadas á promoción e información turística, mediante a realización de prácticas nas oficinas de información turística de Turismo de Galicia distribuidias entre a oficina de turismo da Coruña, a oficina de turismo de Pontevedra, a oficina de turismo de Vigo, a oficina de turismo de Lugo e a bolsa na oficina de turismo de Ourense.
As outras dúas están dirixidas a titulados en diversas materias para ampliar experiencia e coñecementos sobre o mercado turístico galego. As ditas bolsas están destinadas á realización de labores de investigación, tratamento e análise de datos en materia turística -unha bolsa especializada en estatística e outra especializada en turismo-, na área de Estudos de Investigación, integrada na dirección de Competitividade de Turismo de Galicia.
A dotación económica das bolsas será de seiscentos euros brutos mensuais no caso das bolsas de formación nas oficinas de información turística, e de oitocentos euros brutos mensuais, no caso das bolsas de formación na Área de Estudos Turísticos. En canto á duración máxima do programa formativo será de seis meses e nove meses respectivamente.
O prazo de presentación de solicitudes é dun mes contado a partir do día seguinte da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, o que tivo lugar o pasado 2 de marzo.