No marco dunha viaxe de familiarización para fortalecer o coñecemento do destino Galicia nun mercado emerxente como é o ruso, un conxunto de 9 operadores turísticos rusos pertencentes á Organización de Turoperadores de Rusia, ATOR, e catro xornalistas especializados comezan hoxe dúas viaxes por Galicia nas que manterán unha reunión de traballo cos principais empresarios galegos do sector turístico e coñecerán boa parte da oferta turística e o destino Galicia.
Durante a súa estadía, os operadores turísticos rusos visitaron Santiago de Compostela, a súa Catedral e o centro histórico para logo partir cara A Costa da Morte, onde visitarán Fisterra e Carnota, para despois achegarse á vila de Muros.
Na súa estadía en Galicia, achegaranse ata As Rías Baixas, con visita á cidade de Pontevedra, a praia da Lanzada, O Grove, Cambados e Sanxenxo. Tamén visitarán Baiona e dende alí ata as Illas Cíes, mentres que a xornada de despedida será o domingo cando visitarán o Pazo de Oca, na Estrada, e a Cidade da Cultura.
Pola súa banda, os xornalistas especializados desplazaranse ata a Ribeira Sacra, on visitarán a contorna de Chantada, unha adega da Denominación de Orixe Protexida Ribeira Sacra, o miradoiro dos Balcóns de Madrid, en Parada de Sil; e os mosteiros de Santo Estevo de Ribas de Sil e San Pedro de Rocas. A xornada rematará nas Termas de Outariz, próximas á cidade de Ourense.
Os catro xornalistas rusos, que representan aos medios de comunicación TIG Russia, TripPoint.ru, Gastronom magazine, e National Geographic Traveler, tamén dedicarán unha xornada a visitar parte das Rías Baixas, concretamente a cidade de Pontevedra, a praia da Lanzada, O Grove, ademais de facer un pequeno cruceiro pola Ría de Arousa, a vila de Cambados e a Illa da Toxa.
O sábado día 20 de xuño os xornalistas rusos tamén se achegarán a Baiona para embarcar cara as Illas Cíes. Por último, o domingo día 21 de xuño os representantes rusos da prensa especializada en viaxes poderán coñecer A Guarda, os pazos de Santa Cruz de Ribadulla e Oca e a Cidade da Cultura.
Encontro co sector turístico galego
Os profesionais do turismo ruso, que representan ás empresas Coral Travel, Natalie Tours, Mostuflot, Jet Travel, Click Voyages, Russian Express, Vand International, Vremia Tour e ao organismo ATOR, mantiveron tamén unha reunión de traballo con representantes do sector turístico galego no Hostal dos Reis Católicos de Santiago.