Un centenar de municipios galegos beneficiaranse dos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino 2022

Un centenar de municipios galegos beneficiaranse dos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino 2022

Cesáreo Pardal participou no acto de presentación das iniciativas organizado en Compostela pola Delegación do Goberno en Galicia.

 

O Clúster Turismo de Galicia foi unha das entidades convocadas a participar o pasado martes 27 de decembro, no acto de presentación dos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino organizado polo delegado do Goberno en Galicia, José Miñones. Cesáreo Pardal deuse cita xunto co presidente da Deputación da Coruña, Valentín Formoso; a deputada provincial pontevedresa Ana Iglesias, o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alberto Varela; o xerente de Turismo de Galicia, Antonio Casas; o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, e unha trintena de alcaldes e outros representantes municipais e das mancomunidades e asociacións beneficiadas nesta convocatoria.

 

Miñones destacou na súa intervención que as 16 actuacións previstas (13 Plans de Sustentabilidade Turística en Destino e tres Actuacións de Cohesión entre Destinos) en Galicia por un importe total de 34,5 millóns de euros repercutirán de maneira directa sobre case un centenar de municipios galegos con investimentos en ámbitos como a accesibilidade, a mobilidade sostible, a eficiencia enerxética e a innovación. Todo iso baixo o paraugas da Enogastronomía, que releva neste convocatoria ao Xacobeo como tema prioritario. O delegado do Goberno tamén reiterou o papel das entidades locais de Galicia neste ámbito, xa son as encargadas de deseñar e de executar a maior parte das actuacións que financia o Goberno e que “dinamizarán cidades, vilas e aldeas de toda Galicia”.

 

Así, desde a Delegación do Goberno apuntaron que a execución corresponde, nos Plans de Sustentabilidade, ás entidades locais promotoras de cada iniciativa, e no caso das Actuacións de Cohesión Territorial, á Xunta de Galicia. “O Goberno transfire o orzamento íntegro ao Goberno Autonómico e esta Administración é a que, posteriormente, inviste nos seus proxectos e fai chegar as cantidades adxudicadas a concellos, mancomunidades, agrupacións ou deputacións provinciais para desenvolver os seus propios”.