Turismo e audiovisual danse a man na Galicia Film Commission

A nova plataforma virtual creada pola Xunta promocionará internacionalmente a Galicia como estudio de cinema e televisión baixo o lema “Shooting at The End of The World”.

 

O presidente do Clúster, Cesáreo Pardal, encabezou a representación do sector na presentación realizada polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez.

 

Representantes do mundo do turismo e do audiovisual déronse cita o pasado luns, día 21, na Cidade da Cultura de Galicia para asistir á presentación dunha nova iniciativa que pretende impulsar esta comunidade como escenario de rodaxes de películas e series repercutindo así positivamente e de forma directa en ámbolos sectores. Así o destacou o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, na posta de longo da Galicia Film Commission, unha nova plataforma virtual para a promoción internacional da nosa comunidade como estudio baixo o lema “Shooting at The End of The World” e que estivo arroupada polo presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, así como representantes da Academia Galega do Audiovisual, o Clúster Audiovisual Galego, a Asociación Galega de Produtoras Independentes, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, a Asociación Galega de Guionistas ou as Film Commission de Santiago e Ourense, ademais do director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

 

O conselleiro precisou que a Galicia Film Commission é unha das iniciativas contempladas no Plan Xeración Cultura do Goberno galego, cun investimento de 34 millóns de euros para levar a cabo unha batería de 57 accións. No caso deste novo organismo, dispoñerá de persoal específico para atender as necesidades das empresas audiovisuais en canto á localización de escenarios para as súas filmacións, a colaboración con outros profesionais e empresas rexistrados na base de datos, a tramitación de permisos ou a dotación de recursos. Ademais, precisou que a súa posta en marcha virá asociada da creación, o próximo ano, dun novo fondo para a atracción de rodaxes a través de incentivos directos ás empresas, coa previsión de que o seu retorno económico en Galicia multiplique por 10 o investimento público.

 

“Consolidar Galicia como un estudio de cinema é unha oportunidade para a nosa economía, para o sector audiovisual e para a promoción do noso territorio, do noso patrimonio e da nosa cultura”, explicou na súa intervención Cesáreo Pardal. Ademais, o presidente do Clúster  sinalou que “a creación da plataforma Galicia Film Commission é unha moi boa noticia para ambos os sectores, o turístico e o audiovisual. Que mellor campaña de internacionalización que calquera película, serie ou produción audiovisual con miles de seguidores de calquera país do mundo, que se converten en potenciais visitantes desde as súas casas ou desde a butaca dun cinema”.

 

Xunto con Cesáreo Pardal, ao acto de presentación da Galicia Film Commission acudiron outros membros da entidade, ademais de representantes doutras entidades, como Belén Montero López (Asociación de Palacios de Congresos de Galicia), Juan Antonio Rivadulla Fernández (Asociación Galega de Axencias de Viaxes), Mar Rodríguez Meseguer (Asociación Provincial de Axencias de Viaxe de Pontevedra), María Luisa Lorenzo García (Asociación Provincial de Empresarios de Restauración e Hospedaxe de Santiago de Compostela) e Sara Santos Ferreira (Asociación de Empresarios de Hostalería de Santiago de Compostela).