“Turismo e investimentos verdes”, lema do Día Mundial do Turismo 2023

  • A Organización Mundial do Turismo (OMT) convida a unirse á celebración do 27 de setembro investindo nas persoas, no planeta e na prosperidade.

 

Comeza a conta atrás para celebrar o Día Mundial do Turismo, que se conmemora cada 27 de setembro desde o ano 1980. O seu propósito é concienciar á comunidade internacional acerca do valor social, cultural, político e económico do turismo.

 

Este ano os actos promovidos pola Organización Mundial do Turismo (OMT) desenvolveranse baixo o lema “Turismo e investimentos verdes” co obxectivo de prestar un mellor apoio ao cumprimento con éxito da Axenda 2030 e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.

 

A OMT considera a interrupción global que supuxo a COVID-19 no sector turístico unha oportunidade para redefinir e calibrar a dirección e o discurso adoptado nos investimentos turísticos. Deste xeito, os investimentos convértense nunha das prioridades clave para a recuperación do turismo e o crecemento e desenvolvemento futuros.

 

A Organización Mundial do Turismo destaca que é preciso contar con máis inversións e mellor orientadas para que o turismo poida levar á práctica as súas posibilidades de ofrecer oportunidades ás persoas, crear resiliencia, acelerar as medidas climáticas, unha maior sustentabilidade para o planeta e achegar unha prosperidade inclusiva en torno aos piares da innovación e emprendemento.

 

A celebración do día internacional do turismo poñerá en valor a necesidade de investir en proxectos que funcionen para as persoas (investindo en educación e aptitudes), o planeta (investindo nas infraestruturas sostibles e acelerando a transformación verde), e a prosperidade (investindo en innovación, tecnoloxía e emprendemento).