O Consello da Xunta aprobou a firma dun convenio entre Turismo de Galicia e a Catedral de Santiago polo cal o ente público achegará 300.000 euros para a execución de diversas accións de face á mellora da atención aos peregrinos do Camiño de Santiago. Este importe supón o 85% do orzamento total co que se dota a este convenio, que afianza así a aposta do Goberno galego pola Ruta Xacobea como principal elemento captador de fluxos turísticos internacionais e carta de presentación do Destino Galicia a nivel mundial.
Só o ano pasado, un total de 278.232 peregrinos recolleron o seu Compostela, o que supuxo un máximo histórico, un número que segue crecendo e que confirma a forza do Camiño de Santiago como principal recurso turístico e cultural da nosa comunidade.
O acordo inclúe diversas iniciativas relacionadas co Centro Internacional de Acollida aos Peregrinos de Santiago de Compostela, como o reforzo do seu material e persoal para unha maior atención e información aos peregrinos, ou a cesión dun local nas súas instalacións para a utilización de Renfe.
Así mesmo, Turismo de Galicia comprométese a colaborar, a través deste acordo, en actividades que promova a Catedral de Santiago relacionadas coas rutas xacobeas, como o Congreso de Acollida Cristiá, así como a edición de revistas ou publicacións.