O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, presentou o pasado 25 de marzo o Plan de Accións de Promoción do Turismo de Galicia 2025, que destinará máis de 13 millóns de euros a fortalecer a internacionalización, sostibilidade e dixitalización do sector.
O evento contou coa participación do presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, quen destacou a importancia da colaboración público-privada para seguir posicionando Galicia no mercado global. “Desde o sector recoñecemos e agradecemos o esforzo constante das Administracións públicas. O seu labor levou o nome de Galicia a un número crecente de mercados, logrando que a nosa imaxe como destino de referencia sexa máis forte que nunca”, subliñou Pardal.
No acto tamén estiveron presentes o director de Axencia Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; a directora xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez Gil; a vogal do Clúster e directora de Tee Travel, Mar Rodríguez Meseguer; o presidente de APIT (Asociación Profesional de Guías de Turismo), Joaquín Rubal; e o presidente e portavoz da Unión Hostaleira Compostela, José Antonio Liñares.
Un turismo máis sostible e competitivo
O plan contempla máis de 130 accións en 30 mercados internacionais, con especial atención a Europa, América e Asia. Entre as iniciativas destacan a participación en 30 feiras turísticas, a organización de viaxes de prensa e famtrips, e novas accións vinculadas ao Camiño de Santiago, como a instalación de mouteiras en cidades clave.
Rueda subliñou a importancia de reforzar a competitividade de Galicia como destino turístico, aproveitando a súa riqueza paisaxística, cultural e gastronómica. En 2024, a comunidade rexistrou 8,3 millóns de viaxeiros, cun crecemento do 6,7% en ingresos e unha mellora do emprego do 3,1%.
O novo plan busca consolidar Galicia no mercado global cunha oferta máis diversificada, sostible e aliñada coas novas tendencias do turismo.