Turismo de Galicia e Balnegal colaborarán na estandarización da atención médica nos balnearios de Galicia

Turismo de Galicia e Balnegal colaborarán na estandarización da atención médica nos balnearios de Galicia

Co obxectivo de revalorizar a atención médica e os servizos de saúde que se ofrecen nos Balnearios de Galicia, Turismo de Galicia e a Asociación Galega de Propiedade Balnearia –BALNEGAL, pertencente a Balnearios de Galicia, veñen de asinar un acordo de colaboración para o desenvolvemento dun proxecto de estandarización da xestión médica que se oferta nestes centros termais en Galicia. Sobre a base dunha monitorización dos casos atendidos e dos resultados obtidos, o proxecto inclúe a creación dun sistema de software que permitirá a homoxeneización da recollida de historias clínicas de pacientes e facilitará a súa xestión, facilitando a importación e exportación de datos dos pacientes con outros sistemas de xestión.

O acordo supón un grande avance que potenciará a atracción e a fidelización dos usuarios nos balnearios de Galicia, Turismo de Galicia volve mostrar a súa forte aposta polo turismo termal cun empuxe fundamental para consolidar a Galicia como destino de saúde de referencia.

Galicia, potencia termal

As propiedades salutíferas dos mananciais galegos son coñecidas desde tempos anteriores á conquista romana e na actualidade cada vez son máis demandadas por parellas e familias que acoden aos balnearios buscando a prevención e o tratamento de doenzas crónicas. Os balnearios galegos posúen sete das oito clases de augas mineromedicinais que existen no mundo e que se empregan para tratar múltiples enfermidades. Con todo, a nosa Comunidade conta cunha gran potencialidade no turismo de saúde e benestar.