Trevinca-Valdeorras afianza a súa aposta por un turismo sustentable con 21 novas ecoexperiencias impulsadas desde o propio territorio

Trevinca-Valdeorras afianza a súa aposta por un turismo sustentable con 21 novas ecoexperiencias impulsadas desde o propio territorio

O xeodestino Trevinca-Valdeorras consolida o seu compromiso cun modelo turístico sustentable e con identidade propia a través do impulso das Ecoexperiencias Trevinca-Valdeorras, unha proposta innovadora nacida desde o propio territorio. Esta rede reúne 21 experiencias responsables, deseñadas por 14 axentes locais —entre empresas, asociacións e persoas emprendedoras— que poñen en valor os recursos naturais, patrimoniais e enogastronómicos da comarca, reforzando o seu papel como motor do turismo consciente e de calidade.

 

Esta rede de 21 experiencias diferenciadas é froito do traballo colaborativo entre 14 entidades locais que, co apoio de Turismo de Galicia a través do Inorde, deseñaron produtos turísticos aliñados cos principios da sustentabilidade e o respecto polo medio rural. Cada experiencia conta cun relato propio, e todas poden consultarse na web www.ecoexperienciastrevincavaldeorras.com.

 

O proxecto enmárcase no convenio de colaboración entre o xeodestino e Turismo de Galicia, e dá resposta aos obxectivos recollidos na Estratexia de Turismo 2030, que aposta por un modelo turístico auténtico, con identidade singular, que favoreza a desestacionalización e a posta en valor do medio rural como activo estratéxico.

 

Durante a presentación oficial, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, salientou a importancia destas propostas como motor de dinamización local, destacando ademais os máis de 2,8 millóns de euros investidos pola Xunta nos últimos anos para consolidar a oferta turística do xeodestino.

 

Ademais, Trevinca-Valdeorras forma parte das 13 comarcas galegas integradas no Plan Territorial de Sostibilidade Turística Enogastronomía de Galicia, cofinanciado pola Unión Europea, que contempla nesta zona un investimento adicional de 1,5 millóns de euros para reforzar a súa identidade vitivinícola e cultural.