O Balneario de Guitiriz reabre as súas portas preparado para reactivar a actividade turística da localidade

O Balneario de Guitiriz reabre as súas portas preparado para reactivar a actividade turística da localidade

  • O emblemático espazo entrou en funcionamento a semana pasada tras anos de abandono.
  • A reforma foi posible grazas a un investimento de máis de 8 M€ por parte da cadea Iberik.
  • O hotel mantén a súa catalogación de 4 estrelas.

 

Guitiriz volve a ser referencia de turismo termal coa reapertura do seu emblemático Hotel Balneario. O aloxamento termal retomou a súa actividade a semana pasada grazas a un investimento de máis de 8 M€ da cadea Iberik.

 

Logo de estar 6 anos pechado ao público, o espazo xa recibiu os seus primeiros visitantes, que se atoparon cun hotel coa mesma categoría (4 estrelas), e a mesma capacidade que antes (103 habitacións).

 

Trala reforma, o Gran Hotel Balneario de Guitiriz presenta a mesma estrutura e unha imaxe renovada, preparado para ofrecer novas experiencias no que a augas mineromedicinais e relaxamento se refire. Outro dos grandes atractivos do aloxamento é o seu campo de golf, que terá a súa reapertura nas primeiras semanas deste verán.

 

O uso terapéutico das augas medicinais de Guitiriz remóntase ao S. XVII. O regreso deste balneario, con máis dun século de historia, permitirá reactivar a actividade turística da localidade. Ademais disto, Guitiriz será o vindeiro 2024 a sede da reunión da Asociación Nacional de Vilas Termais, da que forma parte desde hai anos.