Renfe

O éxito de pasadas convocatorias fai posible esta terceira convocatoria que conta coa colaboración da Xunta, RENFE e a Deputación de Ourense

Co obxectivo de proporcionar ao viaxeiro un novo xeito de descubrir os recursos turísticos de Galicia volve a poñerse en marcha a 3ª edición do programa “Galicia a todo tren”, que foi presentado na Casa de Galicia en Madrid nun acto no que a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro agradeceu a “intensa colaboración de Renfe e mais da Deputación de Ourense a través do Inorde” pola posta en marcha deste “proxecto diferencial que incrementa a competitividade da oferta turística de Galicia”.

Nesta nova edición continuaranse ofertando sete rutas que permiten descubrir as diferentes zonas de Galicia con variadas temáticas: a Ruta dos Faros, a Ruta dos Pazos e Xardíns Históricos e as cinco Rutas do Viño que recorrerán os distintos territorios onde se producen as denominacións vitivinícolas galegas: Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro, Monterrei e Valdeorras. Segundo sinalou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, estes sete itinerarios estarán constituídos por 57 trens que ofertarán un total de 2.524 prazas, 74 prazas máis que o pasado ano.

Non obstante, esta nova edición trae algunhas novidades. Así, a Ruta do Viño de Monterrei inclúe neste ano a visita ao Castelo de Monterrei, onde os turistas poderán realizar o Túnel do Viño e vivirán un espectáculo sorpresa; nas rutas do viño Ribeiro e Rías Baixas, se realizará unha visita ao Centro de Interpretación do Viño e a Lamprea de Arbo e ao Mosteiro de San Clodio; e a ruta da Ribeira Sacra incorpora como novidade a visita ao Mosteiro de San Estevo de Sil.

Ademais, os maiores de 50 anos terán a posibilidade de disfrutar do Tren dos Balnearios, que permitirá aos seus usuarios aloxarse durante 6 días, en réxime de pensión completa, nos balnearios ourensáns de Laias, Carballiño, Arnoia, Baños de Molgas o Lobios e realizar circuítos culturais pola zona elixida.

Principal novidade, o Tren Peregrino

Sen embargo, a principal novidade desta edición,é a creación do Tren Peregrino que posibilitará a realización do Camiño de Santiago desde Madrid dunha maneira diferente, a bordo dun cómodo Tren Hotel no que os pasaxeiros disporán de aloxamento na Cabina Gran Clase e restauración no propio convoi. Con esta nova proposta os pasaxeiros poderán realizar diferentes etapas do Camiño de Santiago a pe ou en bicicleta, ou ben coñecer as diversas cidades nas que estaciona o tren con visitas guiadas e outras actividades.

Así mesmo, continúa nesta nova edición o Galicia Rail Pass que un ano máis permitirá a peregrinos e turistas que cheguen a Galicia en trens de largo percorrido ou co pase dos trens turísticos utilizar os trens da rede de RENFE en Galicia cantas veces queiran durante tres días en fins de semana, pontes e festivos, e na temporada de verán. Tamén, chegará a Galicia un verán máis o Tren Al Andalus que percorrerá no mes de xullo o traxecto León – Santiago de Compostela.

A oferta de Galicia a todo tren, continúa ano a ano a incrementarse, como resposta aos bos resultados acadados xa que estes trens turísticos rexistraron máis de dous mil viaxeiros e unha ocupación media do 82%, alcanzando as rutas de Valdeorras-Ribeira Sacra e a que circulou exclusivamente pola Ribeira Sacra unha ocupación do 100%.

11 de Abril de 2015

Galicia a todo tren trae como principal novidade o Tren Peregrino

O éxito de pasadas convocatorias fai posible esta terceira convocatoria que conta coa colaboración da Xunta, RENFE e a Deputación de Ourense Co obxectivo de proporcionar […]