operadores alemanes

A través dunha viaxe de familiarización que se desenvolverá entre Pontevedra, Santiago, A Coruña, O Grove ou Cambados, os sete operadores turísticos entrarán en contacto coa senlleira oferta galega

O Hotel Monumento San Francisco acollerá un taller de traballo con eles no que participarán asociados do Clúster de Turismo

Co obxectivo de coñecer a enogastronomía galega, sete operadores turísticos alemáns especializados en turismo gastronómico visitan este días Galicia nunha viaxe de familiarización promovida por Turismo de Galicia en colaboración coa Oficina de Turismo de España en Berlín.

A viaxe, que se desenvolverá entre o 21 e o 24 de maio, inclúe un workshop que terá lugar no Hotel Monumento San Francisco en Santiago de Compostela e na que participarán seis asociados do Clúster do Turismo de Galicia, tres hoteis e tres turoperadores con intereses no mercado alemán que poderán entrar así en contacto cos representantes dos operadores alemáns Studiosus Reisen, Bayerisches Pilgerbüro Studienreisen GmbH, One World Travel & Incentive, Andiamo GmbH, Lernidee Reisen GmbH, Abanico – individuell Reisen e Windrose Finest Travel GmbH.

A viaxe destes axentes turísticos comezará en Santiago de Compostela, onde visitarán o mercado de abastos e gozarán dun almorzo a base tapas elaboradas con produtos galegos. Tamén durante a súa estancia na capital galega realizarán unha visita ao centro histórico da cidade e percorrerán as cubertas da Catedral. O día 22, os operadores alemáns asistirán á presentación da Ruta da Camelia, como itinerario gastronómico de Galicia e participarán nun taller de traballo coas principais empresas relacionadas co receptivo turístico en Galicia.

Logo desta reunión de traballo, desprazaranse ata a Costa da Morte, onde visitarán Fisterra, Carnota e Muros, lugares nos que manterán encontros gastronómicos en distintos restaurantes da zona. O día 23 de maio, os operadores turísticos alemáns visitarán a cidade de Pontevedra e percorrerán a súa zona monumental cunha visita ao mercado de abastos. Ao mediodía desprazaranse ata Ribadumia para visitar unha adega asociada á Denominación de Orixe Protexida Rías Baixas.

Ese día visitarán tamén O Grove e Cambados e navegarán pola Ría de Arousa para coñecer as explotacións de mexillón en batea. Pola tarde, visitarán dous pazos situados nas terras de Arousa, relacionados coa produción de viño e poderán coñecer parte da oferta relacionada cos xardíns da camelia. Para o día 24 de maio, está prevista unha visita á cidade da Coruña, onde os operadores alemáns percorrerán a Cidade vella, visitarán a Torre de Hércules, o Xardín de San Carlos e a Marina.

Mercado alemán, o segundo de maior peso

O mercado alemán é o segundo mercado internacional máis importante para a comunidade galega, ao representar no pasado ano o 12% do total dos turistas estranxeiros que se aloxaron en Galicia. A cifra de alemáns aloxados nos establecementos turísticos galegos superou o pasado ano os 125 mil, incrementándose nun 14,5% en relación ao ano 2013. Polo que respecta ao ano 2015, o mercado alemán está a rexistrar tamén un importante crecemento, ao incrementar un 32,2% a cifra de viaxeiros aloxados e un 41,3% o nivel de pernoctacións nos tres primeiros meses do ano.

Fam Trip de xornalistas de Francia, Suecia e Irlanda

Ademáis da visita destes operadores alemáns, Turismo de Galicia tamén promoveu o desenvolvemento de varios fam trips no territorio. En concreto cinco xornralistas procedentes de Francia, Suecia e Irlanda visitaron días pasados distintos lugares da xeografía galega co obxectivo de recabar información para as súas publicacións. Así, o profesional de de Le Figaro fixo a súa viaxe para documentarse sobre as posibilidades que ofrece a Comunidade a práctica da vela e os deportes náuticos con estancias nas Rías Baixas, en concreto Sanxenxo, por seren porto dunha das etapas da regata La Solitaire-Le Figaro que se desenvolverá este verano entre Francia e España.

Por outra banda, ata o 22 de maoo, dous xornalistas suecos percorren tamén parte da costa galega para recabar información e realizar unha reportaxe sobre turismo mariñeiro e enogastronomía namentres que os dous profesionais irlandeses farán a pé varios tramos do Camiño Primitivo, con chegada a Compostela o vindeiro 26 de maio.

19 de Maio de 2015

Operadores turísticos alemáns coñecerán a oferta enogastronómica de Galicia

A través dunha viaxe de familiarización que se desenvolverá entre Pontevedra, Santiago, A Coruña, O Grove ou Cambados, os sete operadores turísticos entrarán en contacto coa […]