O turoperador especializado Travelguau designou ao Grove como o municipio máis pet-friendly do noso país en 2019, o que supón que o municipio galego sexa considerado como o mellor destino para viaxar con can.
Nos mesmos Premios Travelguau tamén se elixiu como mellor mellor libro pet-friendly o libro autopublicado “Bo Camiño Perregrino”, a primeira guía para planificar con éxito o Camiño de Santiago se estás a pensar facelo co teu can, escrita por Mercè Jiménez despois de completar o Camiño Francés desde Roncesvalles con Futt, o seu compañeiro de catro patas. O palmarés complétao Sos Torrencito como mellor establecemento pet-friendly; Bankia como mellor empresa pet-friendly; Daniel Sánchez Arévalo polo seu compromiso coas mascotas; Simbiosis+ como mellor iniciativa pola tenencia responsable e SOS PPP-Los Barrios como mellor ONG.
Estes premios son o resultado dunha votación popular polos usuarios do portal online tras o que un xurado foi o encargado de coroar ao municipio de Pontevedra como o mellor destino por ser “unha península situada nas Rías Baixas, na comarca do Salnés, que foi pioneira na creación de praias caninas e que actualmente conta con dúas, como son O Espiño e O Portiño, que cada ano reciben máis e máis visitantes, converténdose nun referente a nivel nacional para este tipo de público”.
O obxectivo de realizar este tipo de ranking, tras o que a localidade recibirá un premio físico nos próximos días na feira de Fitur, é “recoñecer o labor de empresas, entes públicos e particulares que loitan por facer o noso mundo un pouco máis amigable coas nosas mascotas, ademais de incentivar a relación con elas desde o respecto e a convivencia coa contorna, propiciando novos espazos de desenvolvemento que satisfagan as necesidades das persoas con acompañantes animais desde un punto de vista sustentable”, explican desde Travelguau.