Un total de 163 areais, portos, carreiros e aulas-centros de natureza galegos lucirán o distintivo de bandeira azul este verán, dous menos que o ano pasado, aínda que cifra suficiente para seguir ocupando a segunda posición no número total destas distincións, outorgadas pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor. Séguenlle Cataluña, con 97 bandeiras e Andalucía, con 79.
Os concellos que ostentan o maior número de bandeiras azuis para os seus areais son na provincia da Coruña: Boiro, Arteixo, Oleiros e A Coruña; na lucense, Foz; e na provincia de Pontevedra, Sanxenxo, que é o concello de España que acumula o maior número de distintivos para os seus areais, seguido de Vigo, Cangas, Marín e Baiona
Os areais de Abrela (O Vicedo), Samil (Vigo), Loira (Marín) e Panadeira (Sanxenxo) volven obter este distintivo que non recibiran na pasada edición. A rexión galega acapara case un 20% das 566 bandeiras azuis outorgadas a praias españolas pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor
Sendeiros azuis
Cabe destacar que Galicia ocupa o primeiro posto en canto aos distintivos de carreiros azuis xa que suma 29 itinerarios que enlazan praias ou portos con bandeira azul e contribúen ao uso sustentable do litoral. Por primeira vez, o carreiro Praia de Abrela- Punta Socastro (Fuciño do Porco) e o tramo Ruta Monte e Praias da Rede de carreiros azuis de Marín lucirán este distintivo. En relación aos portos deportivos, Galicia obtén 12 galardóns, tres menos que o ano pasado, sendo a provincia de Pontevedra a primeira en encabezar a lista con seis portos, seguida pola Coruña con cinco e un na provincia de Lugo. Finalmente a listaxe complétase con 15 centros azuis. O requisito para converterse en centro azul para un concello con bandeira azul ás súas praias ou portos, é a existencia dun centro de visitantes, aula do mar ou de natureza que ofreza educación ambiental sobre os ecosistemas litorais e o desenvolvemento sustentable, así como información específica e/ou actividades relacionadas co programa Bandeira Azul.
Os criterios esixidos para a obtención de bandeiras azuis están relacionados coa calidade das augas, que ten que ser excelente; a seguridade, a completa dotación de servizos, a accesibilidade, a certeira xestión ambiental e a sustentabilidade dos areais e das dársenas. Estas distincións son voluntarias e deben solicitarse á entidade que as promove.