A gastronomía urbana galega viviu a súa gran cita coa final do certame ‘Sete Cidades, Sete Sabores’, celebrado o pasado martes no Museo Centro Gaiás de Santiago de Compostela. O chef compostelán Alejandro Ferreiro, do restaurante O Sendeiro, foi elixido Mellor Cociñeiro de Tapas de Galicia 2025 pola súa creación ‘Bonito, millo e lagostino’, mentres que o premio do xurado popular recaeu en Álex Martínez e Mar Lago, do restaurante BaceLo de Ferrol, ca súa orixinal proposta ‘Os Polos Opostos’.
Ambos os recoñecementos coroaron unha gala na que competiron sete chefs en representación das principais cidades galegas. Cada un presentou unha tapa inspirada na identidade da súa localidade, ante un xurado profesional e un público entregado que puido votar en directo. O evento foi presentado por Lucía Rodríguez e contou coa asistencia do vicepresidente do Clúster de Turismo de Galicia, Jesús Picallo Santos.
Ademais de Santiago e Ferrol, competiron propostas da Coruña (‘Ravioli recheo de chourizo ceboleiro’, de Vicenzo Amaddeo), Pontevedra (‘Tomatún’, de Rubén González), Vigo (‘Ondas do mar’, de Daniel Bastos), Ourense (‘Gamba na corte’, de Paco Gómez) e Lugo (‘Petisco larpeiro’, de José Luis Pardo). O xurado profesional valorou criterios como sabor, presentación, técnica e creatividade, mentres que o público utilizou un sistema de televoto.
A gala puxo o broche final a unha campaña impulsada por Turismo de Galicia para promocionar o turismo urbano a través da gastronomía, posicionando as cidades como destinos atractivos en calquera época do ano e destacando a conexión entre cociña, tradición e territorio.