Santiago acollerá a primeira edición dos Premios da Cociña Galega

  • A gala recoñecerá o valor da tradición culinaria, a innovación e a remuda xeracional

 

Santiago de Compostela será escenario, o próximo 1 de decembro, da I edición dos Premios da Cociña Galega, un novo certame impulsado pola Asociación Amigos da Cociña Galega xunto coa Fundación A Muiñeira. A iniciativa nace cunha intención clara: recoñecer a quen mantén viva a esencia da gastronomía galega, desde as receitas máis emblemáticas ata as novas interpretacións que respectan o carácter do produto local.

 

A cerimonia terá lugar no Auditorio de Galicia e reunirá a cociñeiros, profesionais do sector, críticos e representantes de escolas hostaleiras. Os galardóns abarcan desde pratos tradicionais como o polbo, o cocido ou a empanada, ata produtos artesanais como o pan ou a repostería.

 

  • O espírito da cociña tradicional

 

Un dos apartados máis destacados serán os “Senlleiros de Galicia”, pensados para homenaxear a establecementos e figuras que representan o espírito máis xenuíno da cociña galega ou que recuperaron elaboracións case perdidas.

 

Ademais de recoñecer a tradición, os premios tamén miran ao futuro: poñerase o foco naqueles proxectos que innovan sen romper coa identidade da cociña galega e nas novas xeracións de cociñeiros que están a tomar a remuda nos fogóns.

 

Un xurado formado por máis de sesenta profesionais do ámbito gastronómico será o encargado de elixir os finalistas e gañadores, que se anunciarán durante a gala. Na iniciativa colaboran a Xunta de Galicia-Axencia Turismo de Galicia, a Deputación da Coruña e Concello de Santiago.