Pontevedra, a cidade máis buscada de España para viaxar en 2024, segundo Booking

Pontevedra, a cidade máis buscada de España para viaxar en 2024, segundo Booking

  • A cidade pontevedresa converterase no destino español máis buscado polos viaxeiros de todo o mundo para o vindeiro ano.
  • Lugo, sexto destino máis buscado para irse de vacacións en 2024.

 

Co remate do 2023, son moitas as persoas que comezan a planificar as viaxes do vindeiro 2024. Booking, unha das páxinas web de reserva de hoteis, apartamentos e hostais máis importantes do mundo, prognosticou cales serán os destinos españois máis buscados polos viaxeiros de todo o mundo para o vindeiro ano, entre as cales destacan dúas cidades galegas.

 

Pontevedra será o destino máis buscado, superando a cidades como Madrid ou Barcelona, e a destinos turísticos de alta demanda como Magaluf ou Castelldefels. Ademais disto, Lugo entra na listaxe ocupando a sexta posición entre os destinos máis buscados para irse de vacacións o vindeiro ano, só superado por Madrid, Santa Cruz de Tenerife, As Palmas de Gran Canaria, Murcia e Cádiz.

 

Por outra banda, Vigo alcanza o posto número 13 do rango, mentres que Ourense acada a posición número 19.

 

Un dos factores chave é a proximidade á auga, moi importante para o 77% dos españois, que asegura experimentar “unha sensación de relaxamento durante as súas vacacións cando está preto do mar”.

 

No seu informe, Booking tamén reflexiona sobre as tendencias emerxentes no turismo español, con novas inclinacións que apuntan a un cambio nas preferencias dos turistas: buscarán destinos máis frescos por mor das altas temperaturas nos seus lugares de orixe. O 56% das persoas terá en conta o cambio climático e a súa influencia.

 

A responsable de Booking para España e Portugal, Pilar Crespo, afirma que “están encantados de ver como Galicia, e particularmente Pontevedra e Lugo, se converteron en dous dos destinos máis buscados para viaxar en 2024, tanto a nivel internacional como Nacional. Esperamos que todas as persoas visiten e se namoren desta rexión, que ten moito por ofrecer”.