Ourense e Costa da Morte reforzan o seu compromiso co turismo de calidade

  • 25 empresas ourensás recibiron o distintivo Compromiso de Calidade Turística.
  • A Costa da Morte Asociación Turística (CMAT) adheriuse ao Sistema de Calidade Turística en Destino (SICTED).

A comunidade galega segue a demostrar o seu compromiso co turismo de calidade. A semana pasada recibimos dúas boas novas en referencia ao destino Ourense Termal e á contorna da Costa da Morte.

 

Ourense

 

25 empresas e servizos do Destino SICTED Ourense Termal xa contan co seu distintivo de Compromiso de Calidade Turística. A semana pasada celebrouse o acto de entrega dos diplomas e placas para as iniciativas que superaron a avaliación.

 

Esta actuación está incluída no Plan de Sustentabilidade Turística de Ourense Termal. A continuación, desglosamos os proxectos que recibiron o galardón: as adegas Celma e Cunqueiro e o Club Náutico de Miño; os albergues A Rola e O Corgo, o cámping, os apartamentos de Outeiro de Cela e a casa reitoral de San Pedro en Muíños; o albergue municipal, o centro de interpretación Aquae Querquennae-Vía Nova e a asociación de Amigos do Camiño Xacobeo de San Rosendo e da Rainha Santam en Bande; Casa Gazpara e Fuchela no Carballiño; Casa Idalia; Cuñas Davia e Experiencia Welness en Cenlle; gastrobar O Birrán en Ribadavia; os licores Os Maios en Leiro; o museo de Moncho Borrajo en Baños de Molgas; a oficina de turismo de Verín; a oficina de Monterrei e a sala de exposición Hospital da Trinidade, e un servizo de guía turística no propio municipio, así como os balnearios de Caldaria en Loibos e Arnoia.

 

Costa da Morte

 

A Casa da Cultura de Vimianzo acolleu o primeiro encontro da Costa da Morte Asociación Turística (CMAT), quen da man da Deputación da Coruña e da Axencia Turismo de Galicia xa se adheriu ao Sistema de Calidade Turística en Destino (SICTED) como ente xestor. Este proxecto busca implantar un sistema de xestión de calidade contando cos axentes turísticos locais, tanto públicos coma privados.

 

Neste ciclo de 2023 participarán un total de 46 entidades da Costa da Morte, entre as que se atopan casas de turismo rural, hoteis, pensións, apartamentos turísticos, albergues, empresas de turismo activo, oficinas de información turísticas e museos.

 

O obxectivo principal da CMAT é elevar a calidade dos servizos turísticos, contribuír a crear destino, fomentar o traballo na rede dos profesionais de turismo do territorio, e dar a coñecer a oferta turística da contorna.