Ourense albergará a nova Área de Turismo Termal da Xunta

O departamento, dependente de Turismo de Galicia, encargarase da proxección da comunidade no exterior como potencia en termalismo.

 

A Xunta de Galicia vai crear un departamento específico para aproveitar o potencial da comunidade no ámbito do termalismo e ocuparse da súa proxección no exterior. A nova Área de Turismo Termal, anunciada polo presidente autonómico, Alfonso Rueda, tras a pasada reunión do Consello da Xunta, estará integrada na Axencia Turismo de Galiciae terá a súa sede na cidade de Ourense.

 

Desde a Xunta explican que Galicia é a primeira potencia termal de España e que isto se debe en boa medida ao feito de que Ourense é a segunda cidade europea con máis fontes termais. A área Turismo Termal, asumirá competencias ata o de agora repartidas entre distintas consellerías para así “coordinar e asumir” todas as decisións e iniciativas en materia de termalismo.

 

Entre os seus obxectivos figuran a potenciación da posta en valor turístico dos recursos naturais e culturais vinculados ao termalismo, estruturando a oferta, os recursos e os servizos; o fomento da modernización de infraestruturas existentes e a creación doutras novas; a diversificación do sector para atraer a novos segmentos de poboación; a promoción da integración do termalismo galego en proxectos europeos de turismo de saúde, e a creación dunha marca propia que identifique o turismo termal galego.

 

A Xunta destaca, así mesmo, que “o turismo termal en Galicia é un dos produtos turísticos con maior grao de especialización e singularidade. Con maior capacidade de desestacionalización da demanda e con poder para a captación de máis segmentos de público, cun gran atractivo para a articulación de oferta turística combinada con outros produtos ou servizos relacionados co patrimonio cultural, natural, enogastronómico e deportivo”.