O Areoso só poderá recibir 150 visitantes ao día

  • O acceso dividirase con tres quendas de visitas ao día.
  • As empresas de turismo activo deberán adaptar a súa actividade á nova normativa, que entrará en vigor a comezos do mes de xullo.

 

A Xunta de Galicia regulará os usos públicos e actividades permitidas no arquipélago dos Guidoiros, do que forma parte o Areoso, a illa Guidoiro Pedregoso e a illa da Rúa. Nos últimos anos o illote, rebautizado coma ‘o Caribe galego’, rexistrou unha afluencia de visitantes crecente. Con este motivo a Administración puxo en marcha un proxecto para regular o acceso e as actividades desta zona. En total recibiron 375 alegacións e achegas, das cales incorporaron arredor dun 90%.

 

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ánxeles Vázquez, anunciou que está previsto que a orde entre en vigor a comezos do mes de xullo, co obxectivo de garantir o equilibrio entre a protección dos valores e recursos e o aproveitamento público do espazo natural.

 

A orde establece restricións nas visitas durante a tempada alta, limitándoas a 150 visitantes diarios permitidos, a través de tres quendas de visitas: do amencer ás 13:00 horas; das 13:00 horas ata as 17:00 horas, e das 17:00 horas ata o solpor. Por outra banda si se permite a pesca recreativa, agás nunha distancia de 200 metros arredor do Areoso. O fondeo estará permitido, pero de maneira restrinxida.

 

As empresas de turismo activo deberán adaptar a súa actividade á nova normativa. Salvo cambios de última hora, das 150 persoas que visitarán O Areoso, 24 prazas serán para a reserva de visitas en caiac. Unha das entidades que ofrece esta visita é Piragüilla, pertencente ao club de produto Galicia Destino Sostible.

 

O acceso ao espazo farase a través dun sistema similar ao do acceso ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, ou á praia das Catedrais, que irá acompañado da realización de controis aleatorios. Non cumprir coa orde supoñerá unas sancións que van desde a leve (de 100 a 3.000 euros) ata a grave, cando afectan ao patrimonio natural (dos 3.000 aos 200.000 euros).