Nace a marca Fest Galicia para apoiar os festivais musicais de verán e promover Galicia como destino musical de calidade

Nace a marca Fest Galicia para apoiar os festivais musicais de verán e promover Galicia como destino musical de calidade

PortAmérica, Resurrection Fest, Atlantic Fest, Vive Nigrán, Sinsal SON Estrela Galicia, 17ºRibeira Sacra, Sorrías Baixas, Revenidas, Festival da Luz e WOS Festival son os 10 encontros que se adheriron a esta convocatoria

A Consellería de Cultura e Educación a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) acaba de pór en marcha unha nova iniciativa de apoio aos festivais musicais de verán coa creación da marca Fest Galicia, que contou coa colaboración do propio sector musical galego. Baixo esta marca a Xunta despregará un plan de apoio de carácter transversal a través da Administración autonómica, xa que implica a diferentes departamentos da Xunta, para contribuír á promoción do territorio galego como destino musical baixo criterios de calidade, sustentabilidade e responsabilidade social.

Esta iniciativa bota a andar con 10 festivais de verán, adheridos tras unha convocatoria pública, que funcionan de maneira profesional e que se preocupan por achegar valores engadidos á experiencia musical tanto na súa oferta de actividades como na súa xestión e organización: PortAmérica, Resurrection Fest, Atlantic Fest, Vive Nigrán, Sinsal SON Estrela Galicia, 17ºRibeira Sacra, SonRías Baixas, Revenidas, Festival da Luz e WOS Festival.

No marco deste plan a Consellería impulsará, entre outras accións, estudos de medición de impacto e de retorno directo e indirecto deste tipo de festivais; un manual de boas prácticas que abarca os ámbitos legal, ambiental, laboral etc., co obxectivo de servir de guía para todos os festivais; e un selo de calidade para aqueles eventos que traballen de maneira profesional e sustentable, así como a elaboración dun plan estratéxico xunto ao sector co que xa vén colaborando a través da Asociación de Festivais de Galicia, recentemente constituída.

FEST Galicia vai ser promovida dentro e fóra de Galicia a través dun plan de comunicación que contempla accións a curto, medio e longo prazo, como a realización de presentacións conxuntas baixo este paraugas. Nunha primeira fase, a que corresponde á presente tempada de festivais de verán 2018, a marca terá presenza en todos os eventos adheridos a través dun espazo propio de difusión e sensibilización, así como de campañas, accións e liñas de traballo en diferentes ámbitos, adaptadas especificamente a cada un destes encontros musicais e coa colaboración directa doutros departamentos da Xunta, como a Consellería de Medio Ambiente, a Secretaria Xeral da Igualdade, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, Turismo de Galicia ou a Dirección Xeral de Mocidade, Participación e Voluntariado.