Mar de Amicos, unha iniciativa de turismo inclusivo en torno ao patrimonio marítimo do Barbanza

Mar de Amicos, unha iniciativa de turismo inclusivo en torno ao patrimonio marítimo do Barbanza

  • Grazas a esta iniciativa, sete persoas con diversidade funcional exercerán de guías turísticos este verán.
  • O proxecto nace froito da colaboración da asociación Amicos e da Fundación para a Pesca e o Marisqueo (Fundamar).

 

A asociación Amicos e Fundamar poñen en marcha un proxecto de turismo inclusivo pioneiro en Galicia vinculado ao sector pesqueiro do Barbanza. O seu obxectivo é xerar oportunidades laborables para persoas con discapacidade promovendo o turismo inclusivo e accesible.

 

Grazas a esta iniciativa, bautizada Mar de Amicos, sete persoas con discapacidade exercerán este verán de guías turísticos en tres rutas diferentes que percorrerán a historia e patrimonio marítimo do xeodestino do Barbanza.

 

Os itinerarios teñen unha duración de hora e media. O primeiro deles comeza no porto de Ribeira e ofrece a posibilidade de asistir a unha poxa de peixes e mariscos da lonxa do porto. O segundo deles céntrase na orixe da industria conserveira en Galicia, dando comezo nas ruínas da antiga planta de salgadura de Punta Castro e concluíndo cunha visita á fábrica de conservas e afumados LOU. Por último, a terceira ruta arrinca na localidade de Cabo de Cruz. Neste roteiro os participantes poderán coñecer como se constrúe unha batea, como se coida e explota un banco marisqueiro, ou como se traballa nunha das empresas pioneiras en Galicia en implantación de métodos sostibles na depuración de marisco.

 

Estas rutas tamén incorporan lugares de interese para visitar. En Ribeira: o faro de Corrubedo, o Clúster de Acuicultura de Galicia, a illa da Rúa e a fábrica de conxelados Congalsa; na Pobra: a conserveira Ramón Franco; en Boiro: o Museo do Mar ou o estaleiro Triñanes; e en Rianxo: a Aula Activa do Mar.