O programa Trens Turísticos de Galicia, que este ano suma dous novos itinerarios: a Ruta dos Mosteiros e Ruta do Viño da Ribeira Sacra polo Miño, ofrece un total de 12 rutas temáticas que percorrerán o catro provincias da Comunidade con 56 saídas desde a primavera ata o outono durante os fins de semana. Ademais, por primeira vez, haberá teatralizacións a cargo de personaxes que descubrirán a historia dos lugares que atravesan.
A iniciativa está impulsada por Turismo de Galicia en colaboración co INORDE. Neste sentido, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacaba que “os Trens Turísticos de Galicia reveláronse como unha das mellores opcións para coñecer varios dos nosos mellores recursos e paisaxes”, en referencia á enorme aceptación do público durante o cinco edicións anteriores. De feito, o ano pasado tiveron unha ocupación superior ao 86% e varios dos itinerarios esgotaron os seus billetes.Preto do 98% dos viaxeiros, procedentes de 17 países e da práctica totalidade das comunidades, recomendan a experiencia e danlle unha valoración de 8,7 puntos sobre 10.
Coa incorporación destes dous novos itinerarios búscase achegar novos atractivos, pois incorporarán ao programa de visitas espazos emblemáticos do patrimonio galego, adegas e novos museos. No caso concreto da Ruta dos Mosteiros, os usuarios poderán visitar o Pazo de Oca, A Estrada, o Mosteiro de Carboeiro en Silleda, o de Oseira, en San Cristovo de Cea, ou o templo da Beira Cruz do Carballiño, ambos xa na provincia de Ourense. Os participantes terminarán a xornada no balneario de Caldas de Partovia, onde gozar das propiedades das súas augas termais.
Turismo tranquilo e sustentable
A outra novidade é a Ruta do Viño da Ribeira Sacra do Miño, que complementa á xa existente do Sil, ofrecendo outra perspectiva desta paraxe que aspira a ser declarada Patrimonio Mundial pola Unesco. No seu itinerario estarán presentes, entre outros, concellos como Monforte de Lemos ou Chantada, espazos como o Ecomuseo Arxeriz, no Saviñao, ademais dun paseo en catamarán polo Miño para finalizar a xornada na adega Vía Romana. Configúrase así un programa que combina natureza, termalismo, enogastronomía e cultura, especializando e enriquecendo a oferta turística, diversificada amais por todo o territorio.
A partir do 2 de xuño
O programa complétano a Ruta dos faros, a Ruta polos Pazos e Xardíns Históricos de Galicia, a Ruta do Viño da Ribeira Sacra do Sil, a Ruta dos Viños da Ribeira Sacra e de Valdeorras, a Ruta do viño das Rías Baixas, a Ruta dos viños do Ribeiro-Rías Baixas, a Ruta do Viño Monterrei, a Ruta da Lamprea, a Ruta Lugo Romano e a Ruta Ourense termal e Versalles galego.Pola súa banda, as viaxes teatralizadas con actores profesionais repartiranse pola Ruta do Viño Monterrei, a Ruta dos Viños do Ribeiro e Rías Baixas e a Ruta Lugo Romano.
Os Trens Turísticos de Galicia 2018 comezarán a funcionar o 2 de xuño e rematarán o 27 de outubro. As rutas inclúen viaxes en tren, visitas guiadas e traslados en autobús e teñen un prezo por ruta de 40 euros para adultos (con descontos do 15% para grupos de 10 o máis adultos) e 20 euros para os nenos con idades entre os 3 e os 13 anos. Os billetes pódense adquirir a través de web de Renfe. Tamén se pode atopar toda a información na web de Turismo de Galicia ou no teléfono 912 555 912 da Central de Reservas de Trens Turísticos.