Os traballadores ocupados do sector turístico en Galicia aumentaron durante o cuarto trimestre do 2023 nun 16,1%, chegando aos 128.371, segundo os datos facilitados por Turespaña. Este período, a nivel estatal de emprego turístico, España chegou aos 2,67 millóns de ocupados, presentando un incremento do 1,3% respecto ao mesmo período no 2022.
Entre os meses de outubro e decembro de 2023, as actividades vinculadas ao turismo rexistraron 59.311 empregados máis que no mesmo trimestre do ano anterior. As persoas ocupadas no sector turístico constitúen o 12,6% do emprego total da economía española.
Os traballadores activos en turismo no cuarto trimestre do ano superaron os tres millóns, chegando aos 3.018.820, un 2,1% máis que o mesmo período no 2022.
Con respecto á taxa de paro, esta situouse no 11,3%, un 0,2% menos que o mesmo trimestre no período anterior. A porcentaxe de parados sobre activos nas mulleres (12,2%) foi maior que nos homes (10,6%), mais a fenda entre ambos reduciuse en relación ao mesmo período no ano anterior, no que o paro en mulleres foi do 12,8%.
Neste cuarto trimestre, os ocupados en hostalaría aumentaron un 5%, destacando principalmente a evolución positiva dos servizos de comidas e bebidas (cun 7,2% máis). En transporte de viaxeiros, a variación interanual tamén foi positiva, cun 1,6% máis.
A nivel xeral, neste último período do ano, o número de ocupados creceu en todas as comunidades autónomas, excepto en Andalucía, Comunidade Valenciana, País Vasco, Castela e León, A Rioxa, Asturias e Navarra.