As Vilas Máxicas de España premian a Portomarín polo seu turismo rural

A localidade lucense foi galardoada pola asociación que agrupa a un máis de centenar de localidades de todo o país.

 

A recta final do 2022 tróuxonos unha boa noticia para o sector turístico do municipio lucense de Portomarín. A localidade foi premiada pola iniciativa Vilas Máxicas de España cun dos seus galardóns anuais. Concretamente, co que recoñece á vila máis destacada no ámbito do turismo rural. “Portomarín é unha vila exemplar para o Turismo Rural, ligada ao Camiño de Santiago, pero tamén grazas á excelencia dos seus aloxamentos rurais en casas, pequenos hoteis con encanto e unha “Pousada” que, en tempos, foi Parador Nacional”, destacan os responsables das Vilas Máxicas de España, unha iniciativa impulsada polo Instituto de Desenvolvemento Local e Estudos Sociais da que xa forman parte máis de 120 localidades de todo o país.

 

O galardón concedido a Portomarín destaca tamén o esforzo realizado décadas atrás polos veciños da zona para trasladar pedra a pedra os principais monumentos cando se construíu o encoro de Belesar, así como a súa posición estratéxica no Camiño de Santiago e punto de visita obrigada para miles de peregrinos. Así mesmo, á hora de conceder o premio, os seus promotores tiveron en conta a riqueza gastronómica local, coa súa augardente ou os tradicionais guisos de anguía á cabeza, e o enxeño local que levou aos seus habitantes para “inventar o Turismo de Seca, cando o estío fai baixar as augas do Miño do encoro de Belesar e son visitables as ruínas do pobo vello e outras aldeas”.

 

Cambados, Combarro, Ribadavia, A Veiga, O Irixo, Larouco, A Pobra de Trives e O Vicedo son os outros representantes galegos no colectivo das Vilas Máxicas de España, que nos seus premios deste ano decidiron galardoar tamén a Icod de los Vinos (Santa Cruz de Tenerife) e Madrigal de las Altas Torres (Ávila).