Os hoteis galegos aumentan a súa rendibilidade un 7% nos primeiros cinco meses do ano

Os hoteis galegos aumentan a súa rendibilidade un 7% nos primeiros cinco meses do ano

  • En maio foron 552.000 os viaxeiros que se aloxaron nestes establecementos, un incremento do 16% respecto ao ano anterior.

Os establecementos hoteleiros en Galicia, tanto hoteis como pensións, lograron cifras récord en maio, mellorando a súa rendibilidade e rexistrando un notable aumento de viaxeiros e pernoitas, segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Durante este mes, 552.000 viaxeiros aloxáronse nestes establecementos, acumulando máis de 911.000 noites, o que representa un incremento do 16% no número de viaxeiros e un 14,5% nas pernoitas, cifras que superan os niveis previos á pandemia e que se sitúan por enriba da media española.

 

O crecemento do turismo internacional en Galicia foi particularmente destacado, cun aumento do 23% en maio. Isto posiciona a Galicia como a terceira comunidade con maior crecemento neste período, só por detrás de Aragón e Cantabria. Este crecemento non só se reflectiu na cantidade de visitantes, senón tamén na calidade da rendibilidade hoteleira, que experimentou un aumento do 17% en maio. Con estas cifras, estímase que o sector hoteleiro galego alcanzou uns ingresos totais nominais de 39,8 millóns de euros durante ese mes, o que representa un incremento do 17% en comparación co ano anterior.

 

Estes excelentes resultados de maio esténdense ao acumulado do ano. De xaneiro a maio, os hoteis e pensións galegas melloraron a súa rendibilidade nun 7%, cuns ingresos totais nominais de 114,4 millóns de euros, superando nun 8,7% os ingresos do mesmo período do ano pasado.

 

A nivel global, e á espera de que o INE publique os datos dos establecementos extrahoteleiros, Galicia rexistrou ata o de agora 1,9 millóns de viaxeiros, acumulando 3,2 millóns de noites.