Os establecementos de turismo rural de Galicia, os máis valorados de España

Os establecementos de turismo rural de Galicia, os máis valorados de España

Cun 4,7 sobre 5, encabezan xunto cos do País Vasco o ranking elaborado polo portal clubrural.com.

 

O Barómetro do Turismo Rural do 2022 reflicte tamén que os aloxamentos galegos son lixeiramente máis baratos que a media nacional.

 

O portal especializado no ámbito do turismo rural clubrural.com acaba de facer pública a novena edición do seu Barómetro do Turismo Rural, un estudo no que se tivo en conta a 14.000 aloxamentos e 200.000 viaxeiros de toda España para realizar unha análise pormenorizada da situación deste sector, así como das súas “tendencias, ameazas e oportunidades”.

 

O dato máis significativo no que respecta a Galicia é que os aloxamentos deste tipo situados na comunidade son, xunto cos do País Vasco, os máis valorados de toda España. En ambos os casos, a clientela puntúaos cun 4,7 sobre 5, o que supón tres décimas máis que a nota media nacional (4,4), superando así a territorios con maior oferta e demanda de establecementos de turismo rural.

 

No caso da oferta, os aloxamentos situados en Galicia supoñen o 4,6 % do total nacional, moi por baixo doutros territorios como Castela e León (20,1 %), Andalucía (13,8 %), Cataluña (12,9 %), Castela-A Mancha (8,9 %) ou Asturias (7,8 %). En canto á demanda, a clasificación de destinos máis solicitados encabézaa Cataluña, cun 23,7 %, seguida de Castela e León (12,5 %) e Andalucía (11,7 %).

 

Con respecto aos prezos medios, algúns dos territorios con maior número de aloxamentos sitúanse na parte baixa da clasificación con cifras como os 27,5 euros por persoa e noite de Andalucía, os 27,6 euros de Castela e León ou os 29,8 euros, de Castela-A Mancha, mentres que Galicia, con 30 euros, queda máis preto da tarifa media nacional: 32 euros por persoa e noite.

 

O barómetro de Clubrural analiza, así mesmo, algunhas pautas e preferencias dos viaxeiros. O 41 % reservaron o seu aloxamento cunha antelación de entre 1 e 2 meses e os servizos ou aspectos que máis demandan son, por esta orde, que se trate dun aloxamento petfriendly (27,7 %), que estea habilitado para acudir con nenos (18,1 %), e que dispoña de piscina climatizada (14,2 %), piscina convencional (9,9 %), grella (8,8 %) e cheminea (8,7 %).