Galicia vibra este 2025 ao ritmo da música en directo. Os Concertos do Xacobeo volveron con forza, consolidando á comunidade coma un dos destinos musicais máis potentes do panorama nacional. Con máis de 150 concertos e 800 artistas en cartel, a programación abarca desde grandes nomes internacionais ata propostas locais, e esténdese por máis de 70 municipios galegos, levando a música a tódolos recunchos.
Artistas como Lenny Kravitz, Alanis Morissette, Bryan Adams, Franz Ferdinand, Slipknot, Chayanne, Camilo ou David Guetta comparten escenario con referentes do panorama estatal como Estopa, Amaral, Love of Lesbian, Leiva ou Amaia. A representación galega tamén ten un peso importante con Tanxugueiras, Xoel López, Sés ou Heredeiros da Crus, entre moitos outros.
A axenda musical deste ano está marcada pola diversidade de estilos e pola descentralización territorial. Festivais xa consolidados como O Son do Camiño, Resurrection Fest, PortAmérica, Festival de Ortigueira ou Atlantic Fest conviven con novas propostas como o Costa Feira en Sanxenxo, o Trasan Fest, Maresía, Ou Yeah! en Ourense ou o Galicia Fest en Vigo. Ademais, espazos emblemáticos como o Náutico de San Vicente do Mar manteñen a súa esencia como referentes do directo máis íntimo.
Impulsados por Turismo de Galicia, os Concertos do Xacobeo non só promoven a cultura, senón que xeran impacto económico e turístico, repartindo oportunidades por toda a comunidade. Desde o seu relanzamento en 2021, máis de 2,5 millóns de persoas asistiron a estes concertos, confirmando que a música é unha ferramenta de proxección internacional para Galicia.